Saturday 27 de April de 2024

O Concello da Pobra entrega os premios ás persoas gañadoras das accións impulsadas por San Valentín


José Francisco Domínguez Torres e Cristina Pose Davila. Estes son os nomes das persoas gañadoras das accións impulsadas polas concellarías da Cultura e da Mocidade da Pobra do Caramiñal para celebra-lo Día de San Valentín, no 14 de febreiro: un concurso de cartas de amor e un sorteo fotográfico.

Unha vez o xurado avaliou as misivas presentadas e emitiu o seu ditade, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e o seu homólogo da Mocidade, Eloy Sobrido, fixeron entrega dos premios.

A recompensa da noite nunha casa rural e unha cea para dúas persoas dotada na categoría adulta do certame epistolar foi parar a José Francisco Domínguez Torres. Nesta modalidade rexistráronse unha quincena de cartas das que o xurado avaliou aquelas que cumprían coas bases reguladoras e conforme os criterios de orixinalidade, calidade literaria, estética na composición e na expresión, e maila variedade léxica e expresiva, así como a coherencia co tema exposto. O tribunal vencellado ao ámbito do xornalismo e da literatura ditaminou, polo tanto, que a distinción recaese en Carta para Ada.

Pola contra, a categoría xuvenil quedou deserta ao non cumpri-las bases as cartas recibidas, se ben esta constaba dun Iphone como premio.

Tamén houbo o sorteo fotográfico do banco do amor habilitado no parque do Castelo. Entre as máis de corenta imaxes compartidas no apartado de historias do Instagram mencionando a conta @gobernodapobra e cos cancelos (hashtag) #temoslio e #concellodapobradocaramiñal, resultou agraciada a instantánea publicada por Cristina Pose Davila, quen poderá desfrutar dunha cea para dúas persoas.